Moitos días son os que o alumnado me pide inmortalizar cunha fotografía un momento, unha construción ou obra efémera.
Logo de ter a fotografía, o seu segundo desexo é case sempre compartila: “Envíalla a mamá”, “Pódeslla mandar ao meu papá?”.
A miña resposta dende o comezo foi sempre que agardaran a que retomaramos o blog, e alí poderían velas.
Así que, dito e feito… aquí están os seus soños,os seus desexos, as súas obras, o seu esforzo, a súa imaxinación, a súa cooperación, o seu traballo en equipo… nunhas poucas imaxes.
Por medio de diferentes materiais, moitas veces pezas soltas pretendo fomentar a creatividade, o traballo en equipo, o respecto polas producións dos demais…
É importante que lles permitamos crear baixo os seus criterios artísticos ou de beleza, xa que en ocasións a mirada adulta e a concepción de beleza que temos poden interferir neste marabilloso xogo de creación. Permitámoslles ter momentos, materiais e espazos para a libre creación!



































