Iniciarse na lectura e na escritura é un dos obxectivos que se pretenden para esta etapa de educación infantil. Son 3 cursos nos que paseniño e por medio dos 5 sentidos intentaremos achegarnos ao mundo das palabras, das letras, dos sons… por medio de actividades variadas e respectando en todo momento a etapa na que se atope cada neno/a.

Ademais do papel fundamental que xogan os contos e cancións de cara achegarnos a este obxectivo, consideramos fundamental explorar os grafismos de xeito creativo e sentir a forma das letras coas nosas propias mans.

Pronto descubriredes máis do noso achegamento aos grafismos dun xeito creativo, dun xeito no que as nosas mans crean mentres gozamos.

Grafismos con espuma

Na tufftray (bandexa negra de experiencias) creamos espuma con xabón, auga e unha esponxa. Logo tiramos o dado de grafismos e co noso dedo realizámolo sobre a espuma.

As nosas letras

Non hai nada máis motivador para achegarse ás letras que o nome propio e o das persoas que máis queremos. Por iso ao longo deste curso o noso nome e o dos compañeiros/as foi eixo de todas as propostas de lectoescritura. Desta volta creamos coas nosas mans e plastilina as letras do noso nome, contamos cantas letras ten e creamos o número correspondente, e ata creamos as iniciais de irmáns, nais, pais…

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *