Bandexas de aprendizaxe
Nun dos nosos recunchos da aula traballamos por medio de bandexas nas que as propostas van cambiando. Estas propostas permítennos ser autónomos á hora de traballar e practicar diferentes habilidades.
Nun primeiro momento as propostas foron enfocadas á vida práctica e polo tanto á mellora da motricidade fina. A medida que o curso avanza estas propostas van incluíndo ademais outros elementos que nos permiten avanzar en lóxica, no conteo, na relación grafía-cantidade, na mellora da pinza…






A nosa pequena horta
Grazas á mamá de V. recibimos na aula un fermoso agasallo, unha horta en miniatura.
Cada día o encargado/a elixe unha semente e realiza o procedemento de plantado. Colocar a pastilla de terra, botar auga, remexer ata que se desfaga, botar terra no recipiente, colocar o sobre coas sementes e tapar con máis terra.
Logo busca a imaxe no semilleiro que coincide coa verdura que lle tocou plantar e coloca o recipiente. Esta actividade sérvenos ademais para darlle un novo aire á nosa asemblea diaria, xa que ao remate da mesma é cando realizamos esta actividade. O encargado/a ademais de plantar, elixe un compañeiro/a que estivera moi atento/a durante a asemblea para que tamén plante outra semente.
O que máis gracia lles fixo son os orixinais nomes que teñen estas sementes que logo serán plantas: Remolona Remolacha, Marcelino Cebollino,…
Son un total de 24 sementes de froitas, herbas e verduras que iremos plantando pouco a pouco e que coidaremos moito daquí ao remate deste curso.



